O PAZO DA OCA(VILA DE CRUCES)
CASA DE ROSALÍA DE CASTRO(PADRÓN)
CASA DE ROSALÍA DE CASTRO
O día 19 de novembro os alumnos de 3º e 4º de ESO fixemos unha saída cultural para visitar o Pazo de Oca na Estrada e a casa de Rosalía de Castro en Padrón.
Despois de visitar o Pazo da Oca, acercámonos a Padrón para visitar a casa da Matanza na que viviu Rosalía de Castro os últimos anos da súa vida.
Alí percorremos as distintas dependencias e puidemos admirar fotos antigas e primeiras edicións dos seus libros de poemas entre outros moitos documentos e curiosidades; así como tamén aprendemos un montón de cousas da súa infancia e da vida adulta, xa casada con Manuel Murguía.
INTERIOR DA CASA DE ROSALÍA
Tivemos ocasión de ver a cociña, antiga e con lareira, con algúns utensilios da época. Tamén nos impresionou a súa cama, sempre coa camelia que alguén renova cada día; o pequeno escritorio e o armario roupeiro con traxes da época, que nos pareceron un pouco incómodos.
Ao final, tamén fixemos unha foto todos xuntos no xardín tan bonito que ten a casa. Foi unha excursión inesquecible.
O PAZO DA OCA
No Pazo de Oca, agardábannos dous guías que, despois de facilitarnos uns cadernos didácticos, foron contándonos a historia do edificio e moitas curiosidades que non coñeciamos; unha delas é a pedra que está nun dos muros e na que figura a palabra prosiga, seguida dunha man que sinala cara á esquerda e que representa un aviso dos amos aos seus descendentes para que, nunha época futura, se continuase construíndo o edificio residencial; cousa que, por certo, non se cumpriu. Pero, aínda así, o pazo é impresionante, co seu patio central e a súa enorme fonte que nos engaiolou
OS XARDÍNS
Logo fomos coñecer os xardíns e os estanques en forma de barco que os cruzan. Alí vimos especies arbóreas de todo o mundo, como a criptomeria elegante e a camelia reticulata, coas que levamos a cabo unha interesante actividade. Tamén camiñamos por un bosque de buxos de máis de trescentos anos de antigüidade, ademais de admirar un xardín romántico, unha horta enorme e de perdérmonos nun labirinto de camelios.
ENTORNO E PATRIMONIO
Na ponte que divide as dúas seccións do estanque, algúns alumnos representamos un contratro de foro polo que, o 11 de abril de 1672, o V señor de Oca, Xoán Gaioso e Neira, lle afora unhas terras a Antonio de Parama por unha renda anual de 18 ferrados de centeo, dous capóns e un cabrito.
Moitos foron os señores deste pazo singular, o máis poderoso de Galicia; entre eles están os Neira, os Mendoza, os Bermúdez de Castro, os Gaioso…, e todos teñen o seu escudo representativo en distintos emprazamentos do edificio e dos xardíns.
ARTE TOPIARIA
Unha grande sorpresa nos agardaba nun dos recunchos do magnífico xardín: unha chea de figuras creadas a base de sebes recordaban historias da nosa infancia. Vimos personaxes de Alicia no país das marabillas, sendo destacable unha figura da propia Alicia atravesando o espello; tamén había distintos animais e incluso atopamos o monstro do lago Ness.Foi moi emocionante xogar a identificar cada unha das figuras que ían aparecendo no noso camiño.
Finalmente, visitamos a capela do pazo e fixemos unha foto de grupo ao pé do bonito cruceiro de pedra ubicado na praza de entrada.
Nunca esqueceremos esta visita!